Ambientes persoais de aprendizaxe e redes sociais na educación. Reflexión final do curso.




Neste curso quedoume clara, ante todo, unha cousa: definitivamente, son unha profe TIC. É dicir, vexo as novas tecnoloxías como unha ferramenta imprescindible para o día a día nas aulas. Útil para motivar ao alumnado e, ao mesmo tempo, para estar motivada tamén como profesora. 

Xa hai uns anos que emprego diferentes ferramentas que se trataron neste curso (Google Drive, Twitter, Feedly, etc.), pero aprendín outras que non coñecía e profundicei nas que xa empregaba. 

Teño en mente moitos proxectos para o futuro nos que vou empregar as novas tecnoloxías. Algúns xa os teño en marcha. Por exemplo, o meu alumnado traballa dende o Google Drive habitualmente. Asígnolles tarefas como pequenas investigacións, creacións de textos, cuestionarios. Compártenos comigo e entre eles/as e logo eu voulles inserindo comentarios con suxestións, correccións ou ideas que considero que melloran a súa aprendizaxe. E creo que os resultados están a ser moi positivos. 

Tamén me comunico co alumnado a través da rede social de Google. Alí comparto con eles/as material que poida ser do seu interese. É unha forma de estarmos comunicados en todo momento. Algúns estudantes teñen as aplicacións de Google nos seus teléfonos móbiles, polo que lles chegan as notificacións correspondentes de xeito instantáneo. 

Noutros cursos pasados tamén usei unha páxina de facebook para comunicarme co alumnado, e teño en mente facelo máis adiante co twitter, que está máis de moda entre a xuventude. 

En fin, teño moitísimas ideas e ireinas desenvolvendo pouco a pouco ao longo da miña vida profesional. Dende logo, con cursos coma este, o caudal de ideas aumenta a un ritmo frenético. Foi unha experiencia moi positiva. 

Comentários

Postar um comentário

Postagens mais visitadas deste blog

As redes sociais na educación